Licenciada en Filoloxía Galega pola Universidade de Santiago de Compostela, foi profesora de bacharelato en varios institutos de Galicia, e despois de galego na Universidade da Alta Bretaña en Rennes, e de literatura na Universidade Bretaña Sur, en Lorient.
Como poeta, deuse a coñecer con tres poemarios: A teta sobre o sol (1996), Nós nus (1997) e A cousa vermella (2004). Tamén publicou un libro de arte compartido coa pintora Alexandra Domínguez e o poeta Xoán Abeleira, titulado Magnalia, e numerosos poemas en antoloxías, libros colectivos, revistas (Festa da Palabra Silenciada, Dorna, Xistral) e xornais (El País, ABC).
Formou parte dos comités de redacción das revistas Ólisbos, Animal e Valdeleite, e segue a facelo de Unión Libre desde a súa fundación.
Participou con estudos en congresos e revistas, onde analizou sobre todo as propostas conectadas co surrealismo, pois escribiu sobre o escritor André Breton, o cantautor Léo Ferré e o pintor Eugenio Granell, e coa temática erótica, como reflicte o seu ensaio Tratado da pel, publicado no monográfico Erotismos de Unión Libre (1999), por ela mesma coordinado. Ademais, interesouse por poetas en lingua portuguesa, como Fernando Pessoa e o surrealista brasileiro Sérgio Lima. Desde 2010, a Casa da Cultura da Pobra do Brollón leva o seu nome.
Comentarios