HOXE NO SOMBREIRO MARCHAMOS QUE TEMOS QUE MARCHAR...ATA SETEMBRO!!
Este sábado no Sombreiro de Merlín, despois dunha moi rica e cordial tempada, despedímonos ata setembro, e queremos facelo cun convidado de honra: o presidente de FEAFES Galicia, o doutor José Ramón Girón, co que pasaremos revista á nosa colaboración de hai xa dous anos, e co que faremos un percorrido do que foi o ano ata o de agora nesta Federación de Asociacións de Saúde Mental de Galicia: emprego, inserción, loita contra o estigma, normalización, estes e outros temas serán analizados polo miúdo no noso programa. Grazas a todas e todos os profesionais e membros desta federación que traballa por un mundo máis humano e integrador.
Despedimos, tamén ata setembro, a sección de Encarna Otero, "Elas contan", unha das máis enriquecedoras para todas nós: seguimos traendo á luz a esas grandes mulleres esquecidas da nosa terra, e anunciaremos, asimesmo, a cita do 15 de agosto, grazas á plataforma de crítica literaria, "A Sega", da terceira edición do "Día das Galegas nas Letras" do 2016, dedicado moi merecidamente a Mª Xosé Queizán. Noraboa a ela e a todas as galegas!
Pilar Sampedro despide, tamén ata setembro, a nosa sección de literatura infanto-xuvenil, que naceu co fermoso nome de "De soños e gaiolas" en lembranza do poeta Manuel María no seu ano das Letras galegas, e con ela seguiremos á volta de vacacións, atrapando soños e ceibando boas letras.
Despedimos con música de Smokie, "Living next door to Alice", para agradecervos a compaña e o apoio ao noso programa desexando que vos quededes con nós agardando a nosa volta.
Unha aperta agradecida da nosa directora, Alicia López e de todo o equipo do Sombreiro de Merlin, o programa cultural e humanitario do sábado a mañá en Radio Obradoiro! A cita é ás 12.00 horas.
Ata setembro!
Comentarios