iVoox
iVoox Podcast & radio
Download app for free
By Deputación de Pontevedra Aquí faltan páxinas
Avance: Mercedes Ruibal. Os trazos dramáticos dunha pintora alegre (1928-2003)

Avance: Mercedes Ruibal. Os trazos dramáticos dunha pintora alegre (1928-2003)

11/6/2024 · 01:51
0
12
0
12

Description of Avance: Mercedes Ruibal. Os trazos dramáticos dunha pintora alegre (1928-2003)

Naceu na parroquia pontevedresa de Xeve, nunha familia republicana de grandes inquedanzas artísticas que se viu obrigada a emigrar por mor da guerra. O seu pai era un apaixonado da música e da literatura, a súa nai, unha pintora naíf, o seu irmán José, dramaturgo, e a súa irmá Ángeles, cantante. Teté —o nome familiar de Mercedes— pasou a súa infancia e adolescencia en Xeve, ata que con vinte anos emigrou a Bos Aires para reencontrarse co seu irmán José. Alí iniciouse na pintura con Laxeiro como amigo, mentor e mestre. Realizou a súa primeira mostra individual na Sala Rose Marie, en 1956, e, pouco despois, en 1957, regresou a Galicia xa convertida en pintora. Tras realizar unha serie de exposicións en Vigo, trasladouse a Madrid, onde traballou como deseñadora de cerámica, visitou repetidamente o Prado e estableceu unha relación con artistas dos faladoiros do Café Gijón. En 1959 casou co arquitecto e pintor Agustín Pérez Bellas; xuntos percorreron medio mundo e residiron en Roma, onde compartiu estudio con Rafael Alberti, quen mantivo unha grande amizade con ela e lle dedicou algúns poemas á súa pintura. No seu estilo expresionista percíbense as influencias de Laxeiro, Rouault e do Goya das pinturas negras, coa crítica social sempre presente.  Cando nunha ocasión lle preguntaron polos motivos que a levaban a pintar cousas escuras e ata monstruosas, dixo: "Eu son alegre, optimista. Non son cruel nin torturadora. A pintura, non obstante, sáeme dramática e, ademais, quero que me saia así. As cousas con forza son as que fan vibrar". En Vigo relacionouse con Lugrís, Laxeiro e Lodeiro, e reflectiu a súa peculiar personalidade no texto Confesiones de volatinera con bragas de repuesto al dorso (1978), ilustrado polo seu home. Expuxo a súa obra en Galicia, Madrid, Bos Aires, Roma, Florencia, Lisboa, París e Londres. Foi galardoada co segundo Premio Kramer na Bienal Hispanoamericana de Arte de 1964, co Premio Reconquista de Vigo en 1992 e nomeada Viguesa Distinguida nese mesmo ano. A súa pintura figura nas coleccións de varios museos galegos e americanos, e tamén en coleccións privadas. Mercedes non tivo fillos pero amadriñou e criou a súa sobriña, a poeta Graciela Baquero Ruibal, que hoxe custodia a súa obra. Falaremos con ela sobre as pasaxes da súa vida, estreitamente conectada coas diferentes etapas da súa vibrante pintura.

Comments of Avance: Mercedes Ruibal. Os trazos dramáticos dunha pintora alegre (1928-2003)
This program does not accept anonymous comments. !Sign up to comment!