iVoox
iVoox Podcast & radio
Download app for free
By Deputación de Pontevedra Aquí faltan páxinas
Avance - Urania Mella. Antifascista, feminista e defensora da República

Avance - Urania Mella. Antifascista, feminista e defensora da República

11/13/2024 · 02:17
0
26
0
26

Description of Avance - Urania Mella. Antifascista, feminista e defensora da República


Foi unha muller exemplar adiantada ao seu tempo, defensora dos dereitos das mulleres, cun gran compromiso político pero tamén social e educativo. Urania ensinoulles a escribir ás súas veciñas analfabetas na Casa do Pobo, como fixo seu pai, Ricardo Mella, teórico do anarquismo condenado ao desterro e a quen Durruti lía na fronte. Combateu contra as tropas de Franco en Vigo no alzamento nacional do 36 e acusárona de ser mala nai e de radicalizar o seu marido, Humberto, que foi executado; non obstante, os prexuízos de xénero das autoridades fascistas evitaron que Urania correse a mesma sorte. A ela enviárona ao inferno do penal de Santurrarán e as súas fillas quedaron a cargo da familia paterna, católica e conservadora, e creceron pensando que a súa nai as abandonara. Os dous nenos, maiores ca elas, recordábana como unha muller cariñosa e traballadora e intuían que o que escoitaban na casa das súas tías non era certo. Cando Urania saíu en liberdade e chegou a Vigo, as súas fillas renegaron dela, suceso que a xente comentaba, polo que decidiu instalarse co seu fillo Raúl en Lugo, onde sobreviviu colléndolles puntos ás medias, porque xa non podía dar clases de piano e solfexo como fixera antes da guerra. Unha tarde, mentres agardaba que o seu fillo a viñese buscar para ir ao cine, Urania morreu a causa dun tumor cerebral que non lle trataran no cárcere. Co tempo, as súas fillas entenderon quen foi en realidade a súa nai, pero xa era tarde. Só lles quedou o seu piano, que se converteu nun altar onde honrar a súa memoria. Neste faladoiro conversamos coa persoa que ata o de agora conseguiu reunir máis información sobre Urania Mella, a investigadora Iria Presa, que comezou en 2012 a estudar a vida e obra do pai de Urania, o anarquista e topógrafo vigués Ricardo Mella, e, en paralelo, a de Urania. Desde entón mantén o seu periplo investigador visitando arquivos e entrevistándose con persoas en Tui, A Coruña, Ferrol, Bilbao ou Barcelona; mais tamén en Montevideo, Bos Aires, A Habana, Nova York, San Francisco, Michigan ou México, onde continúa a investigar na actualidade.

Comments of Avance - Urania Mella. Antifascista, feminista e defensora da República
This program does not accept anonymous comments. !Sign up to comment!