

Description of Avelaiñas eléctricas - Sica Romero
É unha obra de non-ficción definida por ela mesma como unha novela realista. Nela están moi presentes os xogos de estilo tipográfico e a representación da oralidade e a fala da Costa da Morte. Uns recursos que emprega para contar a historia de dúas mozas, Mariña e Olivia, que rematan a carreira universitaria e que nesa nova situación intentan fuxir dos seus lobos, das súas sombras. Influenciada por autoras como Andrea Abreu, a poesía de Rosalía de Castro e da novela No corazón do bosque de Agustín Fernández Paz, Sica Romero aborda os pesos e violencias que carretan estas dúas amigas, polo seu amor, pola dor, pola marcha da casa familiar.
O estilo de Sica Romero é rápido, fluído. Encaixa perfectamente coas novas liñas editoriais ‘máis visuais’ e poéticas que podemos observar agora mesmo no mercado do libro. É unha novela onde a poesía ten un lugar especial: aínda que os versos non representen máis que unha vixésima parte da obra, eses poemas resonan na prosa. Polo tanto, é unha obra que no seu conxunto pode ser unha mostra da hibridación de distintas artes, ou/e de distintos xéneros, xa que conflúen a poesía, a prosa, diferentes tipografías, e unha puntuación moi particular nalgúns casos. Un poema de Rosalía de Castro introduce cada un dos capítulos da novela, o contido deses poemas está estrictamente ligado ós temas tratados en cada capítulo, facéndonos ver así, que a poesía da gran poeta sigue vixente. Coa súa escrita, Sica, tráenos á actualidade as mesmas verbas de inxustiza, e de tantos outros sentimentos reflectidos na obra de Rosalía. Ese é outro valor engadido de Avelaíñas eléctricas: conectar e interpretar na actualidade os problemas que cargamos dende antaño
A novela demanda, ou propón se quer, unha complicidade que, ao mesmo tempo, resulta afortunadamente esixente e na mesma medida gratificante. Con ela percorremos vivencias e sentimentos a través dunha expresión debedora da oralidade —velaí a presenza no rexistro expresivo da variante dialectal da Costa da Morte— a carón dunha forte carga poética que singulariza esta prosa, ou ao contrario se se quer. Unha proposta sólida, esperanzadora e suxestiva.




















Comments of Avelaiñas eléctricas - Sica Romero