
Avelina Valladares. A frustración de ser escritora na Galicia do século XIX

Description of Avelina Valladares. A frustración de ser escritora na Galicia do século XIX
Pioneira da literatura galega, Avelina Valladares destaca por ser unha das primeiras mulleres en escribir artigos de opinión na prensa e unha precursora en empregar a lingua galega nalgúns dos seus poemas. Non queda dela unha soa imaxe. O único que sabemos é que viviu na Ulla, que apenas saíu da súa casa de Vilancosta (A Estrada), que dedicou a súa vida a coidar da familia, que foi a irmá do escritor Marcial Valladares e que era unha fervente católica; unha muller que, malia ser extremadamente humilde, logrou romper coas normas sociais ao rexeitar unha e outra vez os pretendentes que a viñan “salvar” do seu estado de solteira porque ela xa se salvaba a si mesma a través da escrita, da poesía e da entrega ás demais persoas. Nun século xix marcado pola inestabilidade política e pola recuperación do galego na escrita, as voces do seu tempo eloxiárona comparándoa con Rosalía de Castro, Emilia Pardo Bazán e Concepción Arenal. Ademais dos seus textos, deixou constancia do seu talento en composicións musicais e en debuxos executados con destreza. Avelina Valladares é un exemplo, un referente que hoxe permanece vixente a través do premio de poesía que leva o seu nome e que lles transmite o seu legado ás novas xeracións. Neste capítulo contamos coas voces de Mari Carmen Ferreirós, descendente de Avelina, e da investigadora Isabel Rei Sanmartim, nunhas declaracións gravadas por Nós Televisión para o filme documental O rexurdimento de Avelina Valladares.