Galiportus Ep.65- Pesca sustentábel, rios e ribeiras vivas
Description of Galiportus Ep.65- Pesca sustentábel, rios e ribeiras vivas
Os rios son símbolos de calquera territorio interior. Representaron vida e proporcionaron recursos para as comunidades que habitaron as suas ribeiras desde tempos inmemoriais. O Miño/Minho e o Limia/Lima son os dous principais nexos de conexión fluvial galaico-portuguesa, e están a esmorecer por dentro. As especies clásicas, como a lamprea ou os salmónidos son cada vez mais raras de encontrar, nuns treitos cheos de centrais eléctricas, furtivismo e polución. Hai xente que levanta a voz e reclama que outra política debe rexer os nosos rios, baixo a óptica do longo prazo e da sustentabilidade. Falamos diso no estudio con Adolfo Álvarez Cuña, pescador habitual do Arnoia e fundador das "I Xornadas de montaxe con mosca de Ramirás (Ou-Gz)" e tamén con Amador Alonso Rodríguez, membro do comité provincial de pesca de Pontevedra (Gz) e secretario fundador da plataforma "Defendendo o Tea" (Ponteareas, Pontevedra, Gz) Por outro lado, non queriamos deixar de lado a opinión do lado portugués. Entrevistamos a João Francisco Carvalho Táboas, técnico do ambiente de Monção (Alto Minho), con grande experiencia na xestión e desenvolvemento de proxectos vinculados ao Minho. Por último, desde Viana do Castelo aténdenos João Dias, empresario, bo coñecedor do Lima, colaborador do turismo do Alto Minho e participante asiduo a campionatos nacionais de pesca, con visión global da problemática e moita experiencia internacional no que respecta á conservación dos rios. Abrimos, ademais, cunha referencia aos microplásticos e pechamos cunha música de Baiuca (Ribeirana) En definitiva, todos os convidados coinciden na necesidade de abordarmos un novo tempo no que se fale, sen reparos, das mudanzas climáticas, a falta de xestión transfronteiriza neste eido, a pesca sen morte, etc. Toca escoitar atentamente... e aprender!