

Description of Lecturas orgullosas
Nesta segunda achega temos un programa ben colorido, con libros e iniciativas que tratan a realidade LGBT+. Falamos con Daniela Ferrández, autora do ensaio 'A morte dos sexos: disidencias sexuais na Galiza contemporánea', publicado por Xerais, e entrevistamos a Nee Barros para falarmos da súa obra 'Identidade', publicada por Galaxia, e da canle de Youtube 'Neeumatiko'.
Visitamos a Biblioteca Pública Antonio Odriozola de Pontevedra, acompañadas da súa directora, Alejandra Mosquera, que nos amosou o centro de interese en obras LGBT que teñen ben visible no corredor. E falando de visibilidade, achegámonos ata a Coruña, para coñecer 'Queeruña', o primeiro club de lectura LGBT de Galicia, unha iniciativa da rede de Bibliotecas Públicas Municipais da cidade. Foi Diego Maseda, o seu coordinador, quen nos falou dela.
Non faltou tampouco a música e a poesía, desta vez composta e interpretada por María Lado e Lucía Aldao, do seu álbum 'Casa'. Del tomamos prestada a canción 'Por que non hai flores?', unha fermosísima homenaxe a Elisa e Marcela. Marcos López adentrouse nun 'Campo de Plumas', publicado por Sushi Books para amosarnos un poema de Cavafis.Para pechar o capítulo, pedímoslle a Ismael Ramos que nos lese o artigo 'E mentres tanto, dame a man', co que vén de gañar o V Premio Lueiro Rei de Xornalismo. Todo un orgullo de programa!