
María Casares. A célebre refuxiada, a descoñecida - Arancha Estévez

Description of María Casares. A célebre refuxiada, a descoñecida - Arancha Estévez
Nesta obra percibimos a paixón de Arancha por María Casares, unha activista da arte, excepcional actriz que chama a atención polo seu xeito de interpretar, una muller que afoga co traballo a tristura do exilio, a crueldade dunha España que chegou ao espolio da súa casa e ao asañamento coa súa familia, unha muller que arriscou continuamente en propostas novidosas en tempos ben difíciles para o teatro e para case todo. O libro cóntanos experiencias que forxaron o carácter de Casares e, dalgunha forma, marcaron o ritmo dos acontecementos.
Hai no libro unha moi boa selección de fotos en espectáculos que supuxeron un antes e un despois ou con persoas significativas como o escritor Albert Camus, fotos moi acaidas, entre elas unha reportaxe da revista Maire Claire na que sae a súa primeira foto como exiliada en Francia e que nos da idea da súa popularidade apenas con vinte anos. Anos máis tarde os estudantes franceses adoitaban topar a súa imaxe nos libros de texto. Tamén van unhas citas que se inclúen ao comezo de cada capítulo, nas que vemos as arestas de Casares e o seu pensamento sempre avanzado en moitas cuestións, caso da liberdade dende a que entendía a relación con Camus, ou a súa comprensión das vantaxes da vellez. Con respecto a Camus di que “e na comprensión e estima mutuas, orgullosos o un do outro, conduciámonos o un ao outro, dabámonos pulo o un ao outro, e queimabamos cadaquén mellor os días, que xuntos, nos eran dados…”. E da vellez déixanos a seguinte aprendizaxe: “envellecer é descubrirmos a transparencia, queimarnos as fronteiras, fusionarmos os límites, derrubarmos os biombos, dilatármonos, diluírmos o contorno da nosa individualidade para gañarmos unha unidade onde xa non existe a diferenza”.
Di Arancha no comezo: Todo o agradecemento aos editores por esta edición revisada de María Casares con motivo do centenario da actriz. O texto da biografía publicada no 1999 mantense na súa integridade, ofrécese co mesmo entusiasmo e formúlase co mesmo obxectivo: divulgar entre un público diverso e curioso a vida e obra nun tempo, o século XX, dunha persoa de talento extraordinario, na vida e no escenario, que viñan sendo o mesmo. E tamén segue tendo vontade de libro de celebración da andaina de quen coñeceu o éxito e o respecto profesional e ergueu a nosa cultura nun dos seus cumios, sen abandonar a súa condición de refuxiada. As memorias que escribiu son un tratado sobre o exilio, a infancia e o amor. Nunca deixou de falar de Galicia, nunca volveu.
Conta Arancha que o libro é coma unha reportaxe grande, máis ben ao xeito dunha xornalista que non dunha escritora, hai consulta de moitas fontes de hemeroteca aproveitando que foi unha persoa moi mediática.
A obra publicada por Arancha no 1999 foi a primeira que se publicou no mundo sobre a súa vida, e de aquela non había redes, era todo analóxico.




















Comments of María Casares. A célebre refuxiada, a descoñecida - Arancha Estévez