Description of O Crime da Orca Vella - Capítulo 3
É unha ficción sonora, resultado do traballo realizado no curso 2020/2021 na Aula de Teatro Municipal de Fisterra organizado pola Concellería de Cultura do Concello de Fisterra.
Nestes tempos de restricións que nos tocou vivir, as escolas de teatro tamén sufrimos limitacións que, moitas veces, dificultan o traballo e os procesos de aprendizaxe. Por sorte, o teatro ten a facultade máxica de transformar a necesidade en virtude. Así, de non poder achegarnos, e moitas veces nin xuntarnos, naceu a idea de traballar este “radioteatro”. Un proxecto no que poder xogar mantendo a distancia física e, chegado o momento, tamén compartir con todos e todas, sen limitacións de aforo.
Investigamos sobre a creación con sons e sobre as posibilidades da propia voz. Desta busca das actrices foron saíndo diversas personaxes que deron o xogo preciso para crear unha historia e transmitila unicamente a través do son.
Dez actrices de Fisterra poñendo todas as ganas e toda a súa creatividade para crear ficción sonora en galego con acento fisterrán. Agardamos que atopedes un anaquiño para relaxarvos e sentarvos a escoitar a nosa historia. Cun café, coa familia, de paseo... como daquela vez se facía cos seriais de radio, agardando con ansia o seguinte capítulo. Se conseguimos iso, pagou a pena o esforzo.