As III Xornadas sobre o Paleolítico do Noroeste. Os neandertais e o seu mundo pretenden afondar no estudo das derradeiras comunidades de neandertais que poboaron Europa Occidental. Para iso contamos coa colaboración de nomeadas e nomeados especialistas. Estas Xornadas foron celebradas no curso de verán da USC en xullo de 2022 en Folgoso do Courel (Lugo), vencellados ao desenvolvemento das investigacións arqueolóxicas en Cova Eirós.
Aparentemente, o primeiro sitio escavado en Portugal en traer á luz vestixios atribuíbeis ós neandertais foi a Gruta da Furninha, en 1879-1880. Aínda así, a pesar de ter comezado a investigación hai case século e medio, o investimento no coñecemento sobre estas poboacións foi sempre moi reducido, resultando nun cadro cheo de baleiros.
Dende logo, a información estivo moi dispersa no espazo e no tempo. Xeograficamente, a maioría ven de covas e terrazas localizados na cunca do Texo e na faixa costeira, á mesma latitude. Fora dela, e de sur cara norte, coñécense sitios dispersos no Algarve, Alentejo, Serra da Arrábida, Serra d´Aire e na cunca do río Douro, cuxa natureza (recollida en superficie vs escavación arqueolóxica), calidade, dimensión e detalle dos estudos son moi variábeis. Neste aspecto, tal vez o que máis destaque sexa a insuficiente cantidade de datacións, cuxa procedencia na súa maioría se refire a un pequeno grupo de sitios con proxectos de longa duración, como a Gruta da Oliveira, a Lapa do Picareiro e a Gruta da Figueira Brava. Dentro destas datacións existen algunhas que, por cuestións postdeposicionais, son problemáticas, máis que as restantes conseguen, normalmente, clarificar. Nos restantes sitios, as datacións ou son inexistentes ou en pouca cantidade e, ás veces, contraditorias, apuntando cara períodos nos que os neandertais xa non ocupaban o territorio, con desvíos moi significativos, ou con distancias temporais ás veces de decenas de miles de anos entre un sitio e outro. Ou sexa, en moitos casos, é imposíbel establecer con precisión as ocupacións co seu encadre paleoambiental, nin crear modelos detallados, continuos e fiábeis.
A información dispoñíbel parece apuntar, en primeiro lugar, a que as primeiras ocupacións teñan ocorrido hai 190 mil anos, durante a transición do MIS 7 para o MIS 6 e perdurado por 150 mil anos, ata hai 40 mil anos, cando foron substituídos por grupos de humanos modernos.
Dende o punto de vista artefactual, ao longo de toda esta diacronía parece verificarse unha insignificante variabilidade tecnotipolóxica, cuxas causas e patróns aínda están por desentrañar. Aínda así, parecer ser posible identificar algunhas características. A materia prima tende a ser case sempre local e, cando non o é, xorde bastante curada. A estratexia de redución é predominantemente simple, discoide e Levallois para as lascas, en todas as materias primas. As láminas son raras e as puntas pouco frecuentes, excepto as pseudo-Levallois que abundan debido á alta frecuencia de redución discoide. O índice de retoque tende a ser baixo, principalmente nos conxuntos de cuarcita, e aumenta claramente no sílex. As artistas das lascas presentan frecuentemente marcas de uso e micro denticulados, aínda que faltan estudos detallados de traceoloxía. Dado que moitos sitios son ao aire libre e co material recollido en superficie, o número de sitios con fauna é reducido, cando esta aparece tende a ser en grandes cantidades e reveladora dun amplo espectro con cérvidos, équidos, megafauna (rinoceronte, elefante e hipopótamo), máis tamén animais de pequeno porte coma o coello ou a tartaruga. Paralelamente, parece evidente que polo menos algúns dos sitios costeiros centráronse na exploración dos recursos mariños, demostrado directamente polos propios vestixios destes, e indirectamente pola traceoloxía.
En resumo, o que parece estar claro é que os resultados da verdadeira calidade para a comprensión dos neandertais no territorio portugués provén de proxectos de longa duración, multidisciplinares e ben financiados.
As Xornadas foron realizadas coa colaboración da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, o Xeoparque Mundial da UNESCO Montañas do Courel, o Ministerio de Ciencia e Innovación e a Universidade de Santiago de Compostela.