¡ÚLTIMAS HORAS! Disfruta de 6 meses de Plus al 25% de dto ¡LO QUIERO!

Podcast
Radio Manoplas
76
146
Podcast, mellor falangullo, emitido desde Coia (Vigo). Intéresanos escoitar a persoas que teñen vidas inspiradoras. Media hora de programa para coñecer as súas historias contadas por elas mesmas. Podedes escoitar todos os podcast na web: http://alicerces.arkipelagos.net/radio-manoplas
Podcast, mellor falangullo, emitido desde Coia (Vigo). Intéresanos escoitar a persoas que teñen vidas inspiradoras. Media hora de programa para coñecer as súas historias contadas por elas mesmas. Podedes escoitar todos os podcast na web: http://alicerces.arkipelagos.net/radio-manoplas
6×9 #RadioManoplas: Sandra Fernández Carrera
Episode in
Radio Manoplas
A novena entrevistada da sexta tempada é Sandra Fernández Carrera.
Vive en Santa Cristina (Oleiros), aínda que medrou pasando moito tempo nas rúas, nun contexto de forte pertenza comunitaria. Estudou INEF en Bastiagueiro e desenvolveu a súa traxectoria profesional no ámbito da actividade física e da saúde.
Sandra conta as súas experiencias familiares. Están marcadas pola loita da súa nai, Dora, unha das impulsoras de Érguete, que buscaba alternativas para o seu fillo e para moitos outros. Sandra mamou na casa o compromiso e a loita contra as inxustizas. Anos máis tarde, tivo que afrontar retos semellantes na crianza dos seus fillos, un deles con parálise cerebral. Este camiño levouna a defender unha educación inclusiva. Hoxe imaxina e constrúe un futuro baseado en comunidades amplas e acolledoras.
Pechamos a entrevista celebrando a bravura de Sandra por poñer os desexos enriba da mesa e despedímonos coa canción "En plena calle", de Mr. Kilombo.
Botádenos unha man compartindo este proxecto, que podedes escoitar na nosa web: radiomanoplas.org e nas principais plataformas de audio.
32:14
6×8 #RadioManoplas: Sandra Lamelas Trasancos
Episode in
Radio Manoplas
A oitava entrevistada da sexta tempada é Sandra Lamelas Trasancos.
Vive en Navia, aínda que é orixinaria do Vicedo, municipio da Mariña Lucense. Traballa como directora de márketing nunha empresa do sector da construción, tras estudar en Pontevedra. Namorada dos idiomas, Sandra manifesta a súa tristura polo estado do galego.
Ten unha filla chamada Jimena, que naceu cunha enfermidade rara: a síndrome de Kabuki. Sandra, sen nomear o termo, explica con claridade o concepto de "able-passing". Sente que a súa filla "para o mundo da discapacidade é pouco discapacitada, pero para o mundo dos neurotípicos tampouco encaixa, ao tratarse dunha discapacidade que non se percibe tanto". Participou no proxecto Airea Líderes, onde compartiu varios fins de semana con persoas con discapacidade, familiares e profesionais dese ámbito.
Sandra fala tamén da soidade e das barreiras sistémicas coas que se atoparon e se atopan moitas persoas tras os diagnósticos, un escenario que obriga a destinar inxentes cantidades de enerxía e recursos para obter os apoios que as institucións non ofrecen ou que chegan con demora e atrancos.
Despedimos a Sandra, que se despide coa música dun grupo moi acaído para o tema tratado: María Fumaça, que interpreta "Convivindo".
Botádenos unha man compartindo este proxecto, que podedes escoitar na nosa web: radiomanoplas.org e nas principais plataformas de audio.
32:40
6×7 #RadioManoplas: Javier Erro
Episode in
Radio Manoplas
A sétima entrevistada da sexta tempada é Javier Erro.
Conversamos co psicólogo valenciano que estivo na III Feira do Libro Anarquista de Pontevedra presentando o seu libro El malestar es otra cosa. A entrevista naceu, porén, a partir da publicación Saldremos de esta. Guía de salud mental para el entorno de la persona en crisis, un libriño creado coa intención de ofrecer ferramentas e apoio ás persoas que acompañan a quen sofre. Trátase dun texto esperanzador que moitas utilizamos como “libro dispositivo” en situacións de malestar.
Javier fala da natureza irredutible e imprevisible do sufrimento, ideas que lle resultaron útiles para entender o vivido durante a DANA. Este episodio puxo en evidencia tanto o abandono institucional como a forza das respostas populares e comunitarias. Os “encontros de malestares”, promovidos despois da DANA, procuraron colectivizar o sufrimento, crear redes de apoio e facilitar o intercambio de experiencias.
Antes de escoitar a canción “v0l” de Llebra, Javier reflexiona sobre o papel do poder nas relacións de axuda: máis que eliminalo, cómpre asumir a responsabilidade sobre el, procurando relacións horizontais e evitando calquera abuso de autoridade.
Botádenos unha man compartindo este proxecto, que podedes escoitar nas principais plataformas e na web: https://radiomanoplas.org
33:40
6×6 #RadioManoplas: “Airea líderes, creando comunidades diversas”
Episode in
Radio Manoplas
O sexto episodio da sexta tempada leva por título: “Airea líderes, creando comunidades diversas”.
Este programa recolle parte do vivido o 14 de marzo de 2026 nunha das xornadas de Airea Líderes, un programa de formación en liderado baseado en competencias para persoas adultas con discapacidade e familiares de crianzas con discapacidade do desenvolvemento.
Até un hotel de Brión cheguei grazas ao convite de Paula Verde. Pasei un sábado escoitando e conversando con persoas con experiencias de vida diversas, marcadas —na súa maioría— polo sufrimento de seren tratadas como diferentes e/ou estrañas. Porén, as participantes de Airea son quen de construír discursos, compartir reflexións e promover dinámicas que contribúan a facer das nosas comunidades espazos acolledores da diversidade.
Botádenos unha man compartindo este proxecto, que podedes escoitar nas principais plataformas e na nosa web: radiomanoplas.org
14:18
6×5 #RadioManoplas: "Detencións policiais ás portas da casa"
Episode in
Radio Manoplas
Quinto episodio da sexta tempada, titulado: “Detencións policiais ás portas da casa”.
Neste programa unímonos a Radio Pimienta para presentarvos un episodio especial. A través das voces de María González Reyes, veciña de Serigne Mbaye, e de Sergio García García, membro de Sin Poli, escoitaremos as súas vivencias e reflexións tras a detención de Serigne e doutras seis persoas diante da súa casa o pasado 25 de marzo de 2026.
Agardamos que este episodio convide á reflexión e á conversa sobre como crearmos comunidades nas que o policial e o militar tendan a cero nas nosas vidas.
Pensamos que estas verbas de Serigne Mbaye poden ser de axuda: “na súa escola ás veces van policías para dar obradoiros. Está ben para ensinarlles como cruzar ou non, pero é complicado cando lles din que a policía é boa porque para aos delincuentes. Entón, ten que saber que a min páranme sen facer nada. Que a moitas persoas negras páranlles sen facer nada, só por ser negras. Teno que saber porque non queremos que pense que hai algo malo nela, en nós, pola nosa cor de pel, Ten que saber que é o sistema o que falla, que é culpa do racismo estrutural”.
Botádenos unha man compartindo este proxecto, que podedes escoitar nas principais plataformas de audio e na web: www.radiomanoplas.org
17:42
6×4 #RadioManoplas: Anna Gabriel i Sabaté
Episode in
Radio Manoplas
A cuarta entrevistada da sexta tempada é Anna Gabriel i Sabaté.
Gústalle falar de Sallent, un pobo do interior de Catalunya cunha forte tradición de loitas obreiras, onde Anna medrou. Lembra a súa infancia e a súa formación na escola pública, marcadas polos valores de solidariedade e compromiso político que mamou na casa.
Aos dezaseis anos, influída polas tensións entre as distintas tribos urbanas nas rúas e, sobre todo, impactada polo dano causado polas adiccións en persoas con grande potencial, decide estudar Educación Social, ámbito no que traballa en diferentes áreas. Máis tarde, cursa tamén estudos de Dereito, nun camiño que afondaba na militancia política coa CUP, onde asumiu responsabilidades tanto a nivel municipal como no Parlamento, desempeñando un papel relevante durante o procés.
Ser unha das caras visibles durante ese período levouna a cinco anos de exilio en Suíza. Antes de despedirse co tema "Gimme Hope Jo'anna", de Eddy Grant, Anna fala da importancia e do sentido que a militancia lle deu á súa vida.
Botádenos unha man compartindo este proxecto, que podedes escoitar nas principais plataformas e na web: https://radiomanoplas.org
39:16
6×3 #RadioManoplas: Alejandra Morán Tenreiro
Episode in
Radio Manoplas
A terceira entrevistada da sexta tempada é Alejandra Morán Tenreiro.
Naceu e medrou en Fene, concretamente no barrio de San Valentín. Estudou Terapia Ocupacional e, desde hai dez anos, traballa no CAI (Centro de Atención Infantil e Xuvenil) de APAMP en Vigo, onde atenden crianzas con parálise cerebral e outras discapacidades, así como nenas e nenos en situación de vulnerabilidade.
Alejandra suliña a importancia do enfoque e da mirada profesional desde a que se intervén. No seu caso, destaca o valor do contexto social e familiar e a súa influencia no desenvolvemento das crianzas. Defende un posicionamento no que a información e a defensa dos dereitos resultan imprescindibles nunha abordaxe profesional que vai máis alá do estritamente terapéutico. Alejandra afonda tamén na relevancia do acompañamento ás familias e da intervención no contexto educativo das crianzas.
Para pechar a entrevista, Alejandra escolle “Ama, ama y ensancha el alma” de Extremoduro, porque considera que, nun mundo cada vez máis polarizado, é necesario “amar máis que odiar, romper moldes” e tamén “decidir en que parte da historia queremos estar”.
Botádenos unha man compartindo este proxecto, que podedes escoitar en Ivoox, Spotify, Archive e Podgalego.
+info: radiomanoplas.org
33:06
6×2 #RadioManoplas: “Sancionar o coidado, o caso de Eva”
Episode in
Radio Manoplas
Segundo episodio da sexta tempada titulado: “Sancionar o coidado, o caso de Eva”.
Na primeira tempada entrevistamos a Eva Pallás Figueira, e tras máis de cinco anos, volve pasar polos micros deste falangullo. Xunto con Lorena García Nantes, avogada do sindicato CUT, debullan a sanción imposta pola Xunta a esta cociñeira da escola infantil Rosalía de Castro.
Eva foi sancionada por avisar a unha nai de que a súa filla sufrira condutas inadecuadas por parte dunha educadora. Para a traballadora, esta actuación responde á súa obriga moral de protexer á nena, mentres que para a Xunta supón unha vulneración da confidencialidade, razón pola que a sancionaron. Eva e o sindicato denuncian que se está penalizando a quen alerta sobre posibles neglixencias, polo que recorrerán a sanción e continuarán as mobilizacións, incluíndo unha concentración diante da escola o xoves 5 de febreiro de 2026.
Botádenos unha man compartindo este proxecto, que podedes escoitar nas principais plataformas e na web: https://radiomanoplas.org
22:01
6×1 #RadioManoplas: Leticia Castro Torres
Episode in
Radio Manoplas
Iniciamos a sexta tempada coa entrevista a Leticia Castro Torres.
Medra en Boqueixón, entre as mesas do bar Casa Castro, unha iniciativa familiar que resiste no rural e evoluciona da man de tres xeracións. Leti traballou dous anos e medio na súa cociña, tarefa que compaxinou co seu emprego como educadora social no Plan Galego de Inclusión. Malia as limitacións e condicionantes do sector, pula por humanizar o trato das persoas que atende.
Sempre unida a espazos antirracistas e de defensa dos dereitos das persoas migrantes, iniciou o seu camiño co achegamento a Amarante ONG e que hoxe continúa no Foro Galego de Inmigración. Moitas tivemos a sorte de participar en espazos dinamizados por ela xunto a Mari Fidalgo, froito dos saberes adquiridos tras formarse en facilitación e de experiencias diversas, sempre coa mirada posta nos feminismos e transfeminismos.
Nos últimos anos adentrouse no activismo gordo e, froito desta militancia, embarcouse na coordinación do libro “Razóns de peso”, xunto a Andrea Nunes, que recolle obras de diversa autoría sobre o tema.
Leti é unha desas persoas imprescindibles e inspiradoras que melloran a vida de todas. Para despedir a conversa escoitamos a panxoliña titulada “Oliveira ardendo”, de Brassica Rapa, Antía Muíño e Mondra.
Botádenos unha man compartindo este proxecto, que podedes escoitar nas principais plataformas de audio e na nosa web: https://radiomanoplas.org
32:33
5×13 #RadioManoplas: “Construírmos un mundo sen prisións”
Episode in
Radio Manoplas
Pechamos a quinta tempada cun faladoiro titulado: “Construírmos un mundo sen prisións”.
O episodio foi gravado no Centro Social A Nubeira, no marco das xornadas anticarcerarias. Nesta conversa contamos coas voces de Xandra Táboas (Coordinadora Anticarceraria da Galiza), Alicia Alonso Merino (Baladre) e Raquel Crespo (Esculca).
Comezamos a conversa con Alicia, que nos presenta tres publicacións de Zambra y Baladre Ediciones arredor do mundo das prisións: "Por qué abolir la cárcel. Las razones del movimiento No Prison", "Feminismo Anticarcelario. El cuerpo como resistencia" e "Yo, la prisión, ¡Confieso! Una dramaturgia absurda sobre la inabsurda abolición de las prisiones".
Xandra comparte o traballo do movemento anticarcerario na Galiza, así como das persoas e colectivos que amosan a súa solidariedade coas persoas presas mediante espazos de formacións e accións, como as marchas a Teixeiro e A Lama.
Pola súa parte, Raquel preséntanos o labor de Esculca (Observatorio para a Defensa dos Dereitos e Liberdades), que nunha das súas liñas de acción céntrase nas vulneracións de dereitos que se producen dentro das prisións, como é o caso do réxime de primeiro grao.
Coas tres reflexionamos sobre o sentido das posicións abolicionistas e abordamos a necesidade de afondar en respostas antipunitivistas e non violentas.
Botádenos unha man compartindo este proxecto, que podedes escoitar nas principais plataformas e na nosa web: www.radiomanoplas.org
49:25
5×12 #RadioManoplas: “Pensarmos os coidados: que vellez desexamos?”
Episode in
Radio Manoplas
O duodécimo programa da quinta tempada é un especial titulado “Pensarmos os coidados: que vellez desexamos?”
Con este episodio ampliamos o equipo deste falangullo coa incorporación de Martín. Xunto a el, iniciamos Radio Manoplas Accións Comunitarias, da que podedes saber máis na nosa web.
Ambos compartimos reflexións e dúbidas sobre o tipo de respostas que as nosas sociedades ofrecen no coidado das persoas maiores que precisan apoios. Co ánimo de coñecer mellor esta realidade, decidimos aceptar o convite que nos fixera o centro de día de Coia. Alí pasamos unha mañá conversando con profesionais e con persoas que acoden diariamente ao centro.
O obxectivo da visita —e tamén deste episodio— é buscar respostas, ou cando menos procuralas colectivamente, a preguntas arredor da dependencia, da independencia e da interdependencia. Cuestións que quizais poidamos resumir nunha soa: que vellez desexamos?
Neste episodio escoitamos a Mari Carmen e Óscar, veciñas de Coia. Participaron tamén Fina, Tere e Lucía, que acoden todos os días ao centro de día, e Marta, terapeuta ocupacional que traballa nel. Moitas grazas a todas as que falaron connosco, ás que nos escoitaron e a todas as que axudaron na elaboración deste falangullo.
Botádenos unha man compartindo este proxecto, que podedes escoitar en Ivoox, Spotify, Archive e Podgalego.
+info: www.radiomanoplas.org
09:52
5×11 #RadioManoplas: Manolo S. Bayona
Episode in
Radio Manoplas
A undécima entrevistada da quinta tempada é Manolo S. Bayona.
Nace e medra no barrio da Sagrada Familia, na cidade da Coruña, mais a súa vida moveuse —e móvese— por diversos territorios acompañando a súa tarefa en Baladre, coordinación de loitas contra o paro, o empobrecemento e a exclusión social.
Este pódcast non se entende sen Nosotras las Personas, o programa que Baladre realiza en Radio Pimienta. Nese espazo, Manolo conduce unha sección na que conversa con persoas para afondar nas súas militancias desde unha perspectiva persoal.
A súa vida reflicte un posicionamento político no que o traballo sempre estivo por diante do emprego. Manolo conxuga a vida en primeira persoa do plural, arrodeado de persoas —con nomes e apelidos— que completan as súas carencias e, en definitiva, enriquecen a súa presenza neste camiño.
Antes da música, falamos sobre como pensa e desexa os seus días finais. Pechamos a entrevista coa peza “Todo se quema”, de León Gieco.
+info: https://radiomanoplas.org
28:16
5×10 #RadioManoplas: Elisabeth Matute
Episode in
Radio Manoplas
A décima entrevistada da quinta tempada é Elisabeth Matute.
Naceu en Honduras e leva xa máis de catro décadas vivindo na Galiza. Daquela, cando chegou, non existía a lei de estranxeiría e nestes lares a súa presenza causaba estrañeza.
Elisabeth participa en SINTRAHOCU, sindicato de traballadoras do fogar e os coidados, que naceu hai catro anos en momentos de pandemia. Xurdiu para artellar respostas, desde as propias implicadas, fronte á desprotección que padecían as traballadoras dun sector esencial para a vida. SINTRAHOCU é un sindicato no que se organizan traballadoras do fogar, na súa maioría procedentes de diferentes países do continente americano. Alí autorganízanse, aprenden e comparten coñecementos na defensa dos seus dereitos. É tamén un espazo de encontro e apoio mutuo, que lles ofrece seguridade para afrontar moitas das dificultades ás que se enfrontan: atrancos para se empadroar, problemas para acceder a unha vivenda… en definitiva, para poder vivir con dignidade.
Fan política tecendo relacións con outras e dándolle valor ao comunitario, algo fundamental para mulleres que desempeñan tarefas illadas e en solitario, o que demasiadas veces repercute no seu estado emocional.
É unha sorte contar con persoas e movementos que contribúen a mellorar as nosas sociedades. Para botar o peche escoitamos a Roberto Carlos cantando "Yo solo quiero (un millón de amigos)".
Botádenos unha man compartindo este proxecto, que podedes escoitar en: radiomanoplas.org e nas principais plataformas de audio.
34:06
5×9 #RadioManoplas: Zaida Jiménez Jiménez
Episode in
Radio Manoplas
A novena entrevistada da quinta tempada é Zaida Jiménez Jiménez.
Filla de "Mili", referente para Zaida de muller xitana. Lembra unha infancia moi feliz, nunha casa co tendeiro máis limpo de Castrelos. O dobre apelido Jiménez xa daba pistas da súa orixe dentro do sistema educativo, do mesmo xeito que o oficio dos seus pais no "mercadillo".
Na casa apostaron, malia as dificultades, polo camiño do estudo para as súas fillas. Zaida medraba cun pé en cada mundo. Os seus pais defendían con valentía, na comunidade xitana, o estilo de vida que querían para elas. Apostaban pola formación, aínda que non sempre se entendía que aprender non significaba perder a identidade. Nese camiño contaron co apoio de 'Guru', unha traballadora social xitana que con insistencia e camelo converteuse nun referente para Zaida.
Co tempo, rematou a carreira de Maxisterio e, tras pasar por diversos contratos, comezou a traballar na Fundación Secretariado Xitano. Na actualidade exerce como técnica de igualdade, á fronte de programas para mulleres como o "Calí".
Na entrevista, reflexiona sobre o feito de ser referente nunha sociedade marcada polo antixitanismo, unha responsabilidade que adoita supoñer críticas desde dentro e desde fóra desta comunidade. Tamén analiza que en territorios como Galiza bótase en falta a presenza de movementos sociopolíticos liderados pola propia comunidade xitana, que loiten polas transformacións necesarias.
Agradecemos a conversa fonda e sincera de Zaida, que pechamos coa canción "Mora", de José el Francés.
+info: www.radiomanoplas.org
29:22
5×8 #RadioManoplas: Mar Cendón
Episode in
Radio Manoplas
A oitava entrevistada da quinta tempada é Mar Cendón.
Mar viviu en Candeán, pero fixo a maior parte da súa infancia en Covelo. Durante anos tivo claro o seu interese polo Dereito, mais finalmente estudou Ciencias Políticas en Compostela, formación regrada que logo completou cun mestrado en Estudos de Xénero.
O seu interese polo feminismo levouna a implicarse nos feminismos autónomos alí adquiriu moitos aprendizaxes nuns espazos onde "os coidados estaban no centro de toda a organización e tamén o disfrute".
Fixo “callo” en diferentes traballos precarios —como teleoperadora ou realizando enquisas— antes de dedicarse durante anos á formación no ámbito da igualdade. Nese eido destaca o proxecto que, xunto a Mari Fidalgo e María Rosendo, a levou a impartir ducias de obradoiros orientados a transformar as relacións e os coidados nos grupos.
O seu percorrido profesional continuou no CIM de Ponteareas, traballando con mulleres vítimas de violencia machista. Alí experimentou de primeira man a escaseza de recursos e aprendeu a superar prexuízos sobre as vítimas. Na actualidade traballa como técnica de igualdade na UVigo. Ao fío de "Homes de coidado", xornal publicado pola Unidade de Igualdade da UVigo, falamos sobre “novas masculinidades” ou masculinidades disidentes, coidadosas e antipatriarcais. Neste terreo Mar atopa interese en "como aplicar a perspectiva dos coidados e da masculinidade como unha forma prevención da violencia e das prácticas desiguais".
No podcast "A resistencia do dedo medio", que co-creou coa súa querida Eva, xuntou dous dos seus intereses: os feminismos e a música. Pechamos resaltando a súa vena artística e coñecendo a persoas que, para Mar, foron fonte de inspiración ao longo da súa vida. Despedímonos coa súa recomendación musical: “French Disko" de Stereolab.
Botádenos unha man compartindo este proxecto, que podedes escoitar nas principais plataformas de audio e na web: radiomanoplas.org
33:06
5x7 #RadioManoplas: "Sabemos morrer?"
Episode in
Radio Manoplas
O sétimo programa da quinta tempada é un faladoiro gravado con público no salón de actos da comunidade do "Cristo da Vitoria", titulado "Sabemos morrer?".
Para tal reto, falar da morte, contamos con: Marta, Irene e Mari Mar. Un auditorio ateigado de xente con idades e vivencias diversas acolleu a conversa con gratitude, malia a fondura do asunto.
Comezamos con Mari Mar, que compartiu a súa experiencia como acompañante no grupo de autoapoio VIH-SIDA e adiccións "O IMÁN". Irene explicou en que consiste o seu traballo como psicóloga no servizo de coidados paliativos. Marta, pola súa banda, relatou como viviu o proceso de enfermidade e morte de Mercedes, unha alumna do ciclo de Integración Social.
A conversa foi gañando ritmo. As participantes explicaron con tenrura e cun sorriso como lles gustaría despedirse deste viaxe. As tres coincidían en que querían facelo dun xeito festivo, así como na importancia do colectivo e do comunitario tanto na vida como na morte. Un exemplo vivo disto foi Marina, monxa dominica da comunidade do "Cristo da Vitoria", que morreu loitando —xunto con outras— pola mellora da atención das pacientes oncolóxicas.
Foi unha sorte poder participar neste acto. Agardamos que provoque novas conversas e reflexións sobre como vivimos e sobre o ben que senta facelo en compañía doutras persoas.
+info en: radiomanoplas.org e botádenos unha man espallando este proxecto que podedes escoitar nas principais plataformas
01:07:54
5x6 #RadioManoplas: Pura González Carnero
Episode in
Radio Manoplas
A sexta entrevistada da quinta tempada é Pura González Carnero.
Naceu nunha parroquia de Sober hai 100 anos, mais cedo mudouse a Coia coa súa familia. No Turreiro de Coia despachou na tenda familiar até que casou. Recorda Pura que no turreiro facíanse "as mellores festas de todo Vigo".
Foi testemuña da transformación de Coia. Habitantes coma ela, da Coia tradicional, viviron como a construción do polígono levou por diante devesas e casas expropiadas por poucos cartos. Pura lembra como a muller de Franco gustou do hórreo do seu sogro, que mandou levalo até o Pazo de Meirás.
Nos inicios dos 70 dominicos e dominicas iniciaron tarefa na parroquia do Cristo da Vitoria, onde a nosa protagonista participou activamente. Chegaron con novas formas de facer igrexa que chocaban coa relixiosidade da época. Pura foi persoa activa na acción social da comunidade e participou alimentando a cativos, como quen a entrevista, nos campamentos de Vilán.
Desde hai sete anos vive na residencia de Alcabre. Segue activa, sacando forzas para se manter o máis autónoma posible. Un privilexio poder conversar con Pura, memoria vivente dun barrio e dunha época. Despedímonos cun tema de Sobre Rodas que leva por título: "As Matas".
Botádenos unha man compartindo este proxecto, que podedes escoitar en: radiomanoplas.org e nas principais plataformas de audio.
31:18
5x5 #RadioManoplas: Alberte Cea Rodríguez
Episode in
Radio Manoplas
O quinto entrevistado da quinta tempada é Alberte Cea Rodríguez.
Naceu no seo dun fogar da Coia tradicional. Medrou nunha familia de "clase obreira con conciencia de clase" nos anos de expansión do polígono. Na súa casa lembran como superaron o intento de expulsión do territorio: a súa nai e outras veciñas mobilizáronse diante da Falanxe para defender o dereito a permanecer no barrio, logrando así unha vivenda nos novos bloques de edificios.
Alberte destaca a importancia da formación na mellora das condicións de vida da xente. Estudou Pedagoxía, tendo moi presentes as ferramentas que dota esta disciplina para transformar a sociedade. Tras diversas experiencias laborais, encamíñase no terreo da orientación laboral, sector que viu medrar e desenvolverse nestes anos. Unha tarefa profesional ao servizo das persoas, que afronta cunha ollada comunitaria e na que pula por incorporar a tecnoloxía ao servizo da xente.
Un pracer escoitar a sensibilidade coa que fala. Alberte saben quen son os seus e desde acompaña e apoia as persoas que buscan emprego. Pechamos a conversa cun tema da banda Manic Street Preachers titulado "If You Tolerate This Your Children Will Be Next".
+info: radiomanoplas.org
36:30
5x4 #RadioManoplas: Irene Esperón Rodríguez
Episode in
Radio Manoplas
A cuarta entrevista da quinta tempada é Irene Esperón Rodríguez.
Irene naceu e medrou en Marín, pero aos trece anos chegou a Vigo, onde reside. Chega recomendada pola anterior entrevistada, Conchi, coa que comparte tarefa no seminario de comunicación en situacións difíciles que realizan co alumnado de Enfermaría. Desde cativa lembra ter sempre facilidade para escoitar, e fixo deste don a súa profesión tras estudar Psicoloxía en Compostela.
Traballa como psicóloga clínica no CHUVI, en concreto no ámbito dos coidados paliativos, que son os encargados de aliviar o malestar das persoas que teñen doenzas sen cura. Na súa experiencia profesional obtivo valiosos aprendizaxes, como que “o final da vida é unha etapa moi de verdade” ou que “as persoas que morren ben, en paz, son as persoas que fixeron da súa vida o proxecto que quixeron”.
Na conversa dáse unha fermosa coincidencia entre entrevistada e entrevistador: Marina, monxa dominica que fixo barrio e comunidade en Coia. Irene acompañouna no final da súa vida, cando Marina era paciente oncolóxica. O compromiso de Marina, e de Mar, superou o impacto do cancro nunha loita que mellorou o benestar das pacientes de oncoloxía e que Irene lembra con moito agarimo.
É un luxo escoitar a profesionais e persoas coma Irene, cheas de saber, delicadeza, sensibilidade e fondura. Despedímonos con Silvio Rodríguez: Irene escolleu o tema “Tocando fondo” para pechar o falangullo.
Botádenos unha man compartindo este proxecto, que podedes escoitar nas principais plataformas e na web > http://alicerces.arkipelagos.net
33:51
5x3 #RadioManoplas: Conchi Estévez Villar
Episode in
Radio Manoplas
A terceira entrevista da quinta tempada é Conchi Estévez Villar.
Conchi estudou Enfermaría en Compostela. En Portugal atopou emprego ao rematar a carreira, como tantas da súa xeración. Daqueles anos lembra ter adquirido a necesidade de formarse para ser unha profesional máis competente. Lembra tamén a importancia do grupo, da comunidade como sostén fronte á dureza da tarefa.
Especializada en saúde comunitaria e con ampla experiencia laboral en pediatría, onde desempeñou tarefas de supervisora no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. Desde 2019 é profesora na Escola Universitaria de Enfermaría do Meixoeiro. Xunto con Irene Esperón, iniciou un seminario para o alumnado sobre comunicación en situacións difíciles, no que, a través do role playing, se abordan os acompañamentos máis axeitados.
Na parte final da entrevista falamos de ASEIA, onde Conchi é presidenta, “unha asociación especializada na atención integral en saúde emocional e mental comunitaria dos nenos, adolescentes e as súas familias”. En 2025 organizan a décima edición das Xornadas de ASEIA, que levan por título: A vulnerabilidade das infancias e adolescencias: entre o risco e a oportunidade.
Que gusto escoitar a profesionais como Conchi, que nos despide co tema "Perfect day" de Lou Reed.
+info e episodios en alicerces.arkipelagos.net
38:15
You may also like View more
Revista 5W
Cada mes un nuevo podcast monográfico para comprender qué ocurre en el mundo. Realizado por los periodistas y analistas que mejor conocen el terreno y su contexto. Revista 5W: pequeñas historias, grandes explicaciones. Updated
Médicos del Mundo
Médicos del Mundo somos una asociación independiente que trabajamos para hacer efectivo el derecho a la salud para todas las personas, especialmente para las poblaciones vulnerables, excluidas o víctimas de catástrofes naturales, hambrunas, enfermedades, conflictos armados o violencia política.
En este canal podrás conocer más acerca de nuestros proyectos, se realizan tanto en España como en 19 países de América, África, Oriente Medio y Europa. Updated



