
Sons de Nós A Banda da Loba Lovismo 7 de febreiro de 2025

Description of Sons de Nós A Banda da Loba Lovismo 7 de febreiro de 2025
A banda dá Loba deuse a coñecer na escena musical galega con ‘Bailando as rúas’ (2017), ocupando un espazo non habitual e que conquistaron dende o primeiro momento. Hoxe en Sons de Nós, Andrea e Marcela Porto representan ao resto da manda para presentarnos o seu novo disco.
Ademais de Andrea Porto (baixo) e Marcela Porto (percusión), ABDL está formada por Acha Rodríguez (violín), Xiana Lastra (voz) e Iria de Cabo (guitarra), que entrou na formación substituíndo a Inés Mirás; un cambio que se produce nun relevo obrigado pola enfermidade de Inés pero que ten sido feito coa complicidade e o acompañando a Inés na integración de Iria na banda.
Compromiso firme nas causas que apoian; a lingua, e as mulleres, o feminismo, ocupa un lugar fundamental dos valores destas bravas mulleres que lles prestan a súa voz e a súa música a tantas mulleres de moitos xeitos. E compromiso cunha das premisas que se marcaron ao iniciar o proxecto, manter a liberdade creativa en todo momento, isto permítelles estar abertas a todos os estilos musicais mesturando pop, blues, folk, rock, sons tradicionais... bachata. “Non temos cancelas”, afirman as “lobas” e esa liberdade permítelles “tecer”cancións de moitas maneiras, algo que queren conservar porque lles permite medrar como músicas e tamén porque saben que iso é o que espera quen as escoita.
A poesía, a escrita das mulleres está sempre presente nos seus traballos, e as “lobas” achéganse a elas con respecto e complicidade, tanto coas escritoras actuais a quen implican directamente neste achegamento; como coas que xa non están, pero teñen unha presenza tan actual e contundente como a “eterna” Rosalía.
Lovismo, o seu último traballo musical xa está na rúa e non defrauda en ningunha das pezas que contén. A banda está a presentalo nos escenarios e esta será a principal actividade deste ano das lobas.
Dou encomenzo pensando;
despois, gustoulle pensar;
e deste gusto ó deseio a toda presa se vai.
E decote descendendo,
descendendo sin parar,
desde o deseio ó pecado a toda presa se vai.
Este Pelouro que roda, que Rosalía de Castro incluíu no seu poemario Follas Novas en 1880, é un dos poemas protagonistas deste novo traballo da Banda da Loba; non se pode ser máis actual para falar do desexo e a paixón.