Cinco actrices e unha bailarina preparan un proxecto escénico que verá a luz a través dunha campaña de mecenado que arrinca o vindeiro luns día 20. Elas son as actrices Carmen Cotelo, Cristina Mariño, Eugenia Sanmartín, Helga Méndez, Marian Rei e a bailarina Caterina Barro. As seis forman o elenco de Maquinarias Teatro e preparan unha comedia que vira ao redor de como ser artista e muller. O título do proxecto é Que din as rumorosas, un traballo de creación colectiva na que cada unha delas puxo o seu graiño de area para dar vida a seis personaxes, mulleres reais coas que realizan un traballo escénico tendente a visibilizar ás mulleres no terreo artístico. Maquinarias Teatro é unha compañía galega con máis de vinte anos de traxectoria no teatro social que traballa desde a memoria colectiva como punto de partida. Que din as rumorosases o seu novo proxecto no que elas nos mostran a vida doutras seis artistas galegas como Maruja Mallo, Eugenia Osterberger, Maruxa Villanueva, Mercedes Mariño, A Bela Otero e María Balteira que abriron novos camiños ás xeracións posteriores. Na posta en marcha deste proxecto participan tamén creando o espazo sonoro Andrés Pazos e na dirección: Paula Carballeira. Agora necesitan o empuxón económico a través de https://vkm.is/rumorosas.
Comments